Mostrando entradas con la etiqueta Novas tecnoloxías. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Novas tecnoloxías. Mostrar todas las entradas

martes, 27 de marzo de 2012

O proxecto "granxafamiliar.com". Unha alternativa para o rural


    granxafamiliar.com é un proxecto que xorde como unha alternativa de producir e de consumir dunha serie de familias rurais en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela. 
O papel das novas tecnoloxías é crucial, posto que é a través da rede cómo as familias poñen á venda os seus produtos. Así, como podemos ver na súa páxina web, temos ao noso alcance todo tipo de produtos naturais e de primeira calidade, producidos en entornos sostibles e de forma completamente ecolóxica.
    Ademais, non só permite mellorar a calidade dos produtos que consumimos, senón que tamén mellora a calidade de vida de familias rurais, que perciben un prezo xusto polos seus produtos, sen intermediarios que se apoderen de parte das súas rendas.
     Se o desexamos, podemos visitar ás familias nas súas explotacións, para que nos mostren cómo é o día a día nunha granxa ou nunha horta; outra forma de achegarnos a eles é a través da rede, mercando os seus produtos online e recibíndoos nas nosas casas tan só nunhas poucas horas.

     Como vedes, outra forma de producir no rural é posible, pero tamén é posible outra forma de consumir. Son moitas as iniciativas que xurdiron nos últimos anos como consecuencia dunha especie de cambio no rural, que fai que os produtores non vendan os seus produtos a través de intermediarios. Se o desexades, podedes visitar a súa páxina web e animarvos a probar os produtos de primeira calidade que aquí se ofertan, á vez que estaremos contribuíndo ao desenvolvemento que provocan iniciativas deste tipo.
      
    Que che parece? Cres que iniciativas coma a de granxafamiliar.com son o futuro do rural galego?  Cres que as novas tecnoloxías van ter cada vez un papel máis importante á hora de mercar ou vender bens de consumo? 

    Se desexas saber algo máis sobre agricultura ecolóxica, tamén che pode interesar visitar a páxina web do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, onde atoparás información interesante.

miércoles, 15 de febrero de 2012

A rede, instrumento imprescindible


Dende fai algúns anos, internet converteuse nun elemento fundamental das nosas vidas. Empregamos esta ferramenta sobre todo para comunicarnos ou a procura rápida de información; cada vez máis, xoga un papel central nos ámbitos persoal e laboral, sendo tal a importancia da rede para o desenvolvemento actual que se chegou a acuñar o termo “sociedade da información”.
Un dos teóricos máis importantes neste ámbito é Manuel Castells, quen o define como unha forma específica de organización social na que a xeración, o procesamento e a transmisión de información se converten nas fontes fundamentais da produtividade e o poder, sendo as novas condicións tecnolóxicas que xorden neste período histórico elementos de decisión en tódalas formas de desenvolvemento
Para Castells, o que caracteriza a revolución tecnolóxica actual non é o carácter central do coñecemento e a información, senón a súa aplicación a aparatos de xeración de coñecemento e procesamento da información-comunicación. As novas tecnoloxías da información non son só ferramentas a aplicar, senón procesos que desenvolver.
Non obstante, en Galicia non sempre é posible disfrutar dunha boa conexión a internet, sobre todo se nos referimos ao ámbito rural. É certo que nos últimos anos se fixo fincapé na extensión da rede a todo o territorio, mais semella que eses esforzos non foron suficientes. Polo tanto, se queremos que a nosa sociedade se desenvolva no camiño correcto deberemos tratar de facer accesibles as novas tecnoloxías a tódalas persoas, independentemente do seu lugar de residencia. Isto debe ser así posto que é a rede a que acurta distancias e achega intereses entre os individuos que conforman esa “sociedade da información” da que tanto se fala, mais que non constitúe, aínda, unha realidade universal.