Mostrando entradas con la etiqueta suburbanización. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta suburbanización. Mostrar todas las entradas

domingo, 26 de febrero de 2012

Un novo fenómeno no rural: a suburbanización


Nas últimas catro décadas, estase a observar un fenómeno de desconcentración da poboación cara áreas rurais ou suburbanas, o que implica que se está a dar unha nova forma de asentamento e concentración da poboación, así coma un cambio na demanda de servizos cara estas áreas. Isto denominámolo como suburbanización, e defínese como un proceso de desconcentración da poboación lonxe dos asentamentos urbanos e dos centros das cidades. Normalmente, este fenómeno está asociado ao cambio da tradicional dirección da poboación do campo ás cidades co contrario: das cidades cara áreas rurais. Este, involucra non só crecemento de poboación cara núcleos non urbanos, senón que implica cambios que promoven a diversificación económica e social das comunidades rurais.
 

Pero, a suburbanización implica desenvolvemento do medio rural?
A relación entre suburbanización e desenvolvemento rural é directa. Significa urbanización do medio rural e novas formas de asentamentos. As familias urbanas que abandonan a cidade e se asentan no rural actúan como elementos de difusión de novos costumes e valores tradicionalmente característicos da vida urbana.
A suburbanización e as novas formas de desenvolvemento rural están a crear novos vínculos entre o campo e a cidade, en contra do tradicional binomio campo-cidade no que os seus elementos estaban opostos cultural, social e economicamente.
A suburbanización en Galicia non foi tan visible coma noutras partes de Europa. Non obstante, algunhas tendencias de desconcentración urbana foron observadas a partir dos anos 1970, mais hai que sinalar a coexistencia de dous procesos simultáneos: un de despoboación e outro de repoboación. Aínda así, actualmente este fenómeno está moi presente nos arredores das grandes cidades como A Coruña, Vigo ou Ferrol, facendo visible tamén a concentración da poboación galega no eixo atlántico.