martes, 27 de marzo de 2012

O proxecto "granxafamiliar.com". Unha alternativa para o rural


    granxafamiliar.com é un proxecto que xorde como unha alternativa de producir e de consumir dunha serie de familias rurais en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela. 
O papel das novas tecnoloxías é crucial, posto que é a través da rede cómo as familias poñen á venda os seus produtos. Así, como podemos ver na súa páxina web, temos ao noso alcance todo tipo de produtos naturais e de primeira calidade, producidos en entornos sostibles e de forma completamente ecolóxica.
    Ademais, non só permite mellorar a calidade dos produtos que consumimos, senón que tamén mellora a calidade de vida de familias rurais, que perciben un prezo xusto polos seus produtos, sen intermediarios que se apoderen de parte das súas rendas.
     Se o desexamos, podemos visitar ás familias nas súas explotacións, para que nos mostren cómo é o día a día nunha granxa ou nunha horta; outra forma de achegarnos a eles é a través da rede, mercando os seus produtos online e recibíndoos nas nosas casas tan só nunhas poucas horas.

     Como vedes, outra forma de producir no rural é posible, pero tamén é posible outra forma de consumir. Son moitas as iniciativas que xurdiron nos últimos anos como consecuencia dunha especie de cambio no rural, que fai que os produtores non vendan os seus produtos a través de intermediarios. Se o desexades, podedes visitar a súa páxina web e animarvos a probar os produtos de primeira calidade que aquí se ofertan, á vez que estaremos contribuíndo ao desenvolvemento que provocan iniciativas deste tipo.
      
    Que che parece? Cres que iniciativas coma a de granxafamiliar.com son o futuro do rural galego?  Cres que as novas tecnoloxías van ter cada vez un papel máis importante á hora de mercar ou vender bens de consumo? 

    Se desexas saber algo máis sobre agricultura ecolóxica, tamén che pode interesar visitar a páxina web do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, onde atoparás información interesante.

domingo, 18 de marzo de 2012

Agroamb (III): o compromiso coa I+D+i


         Dende a súa constitución, Agroamb desenvolveu programas de investigación con centros tecnolóxicos e coas universidades galegas. Todos estes teñen unha finalidade: que os lodos de depuradora e outros residuos pasen de ser un residuo a ser un recurso. 

Os proxectos de I+D+i desenvólvense en dúas liñas básicas: o estudo dos efectos agronómicos dos lodos nos diversos tipos de solo e, en segundo lugar, o estudo de diversas fórmulas de combinación en busca dun fertilizante equilibrado para a produción forraxeira.
          Así, Agroamb está en posesión da primeira autorización por parte da Consellería de Medio Ambiente de Galicia para a posta en valor dos residuos biodegradables, converténdoos, tras un proceso, en residuos biodegradables.
         Ademais, co seu compromiso pola innovación, o Grupo Agroamb é promotor da “Fundación Blas do Carboeiro”, unha organización sen ánimo de lucro  que ten como obxecto primordial a promoción, programación, desenvolvemento e execución de actividades científicas, tecnolóxicas, de investigación, etc., encamiñadas á posta en valor do paisaxe e desenvolvemento sostible do medio rural.
         Xa vedes, unha vez máis, que falar de rural ou de reciclaxe non é falar de actividades tradicionais. Para mellorar a competitividade e ser unha empresa con éxito tamén se require innovar e investigar novas formas de producir e de consumir abonos para a produción forraxeira, constituíndo, así, un elemento fundamental para o desenvolvemento rural.
         Cres que é necesario innovar tamén no rural? Cres que son posibles formas alternativas de abonado e fertilizado para as terras de produción agrícola?

martes, 13 de marzo de 2012

Agroamb (II): un gran grupo empresarial

  Hai uns días tratamos de achegarnos á realidade dunha empresa innovadora situada no concello de Castro de  Rei, dando algunha información sobre o seu nacemento. Nesta entrada, intentaremos aportar algo de máis información acerca desta; o grupo Agroamb está formado por un conxunto de empresas cuxa actividade completa o ciclo da xestión dos residuo, contando cun equipo multidisciplinar de profesionais. As diferentes empresas que compoñen o grupo son as seguintes:
- Agroamb: para a valorización e tratamento de residuos biodegradables.
- Tresamb: loxística específica en contedores. Dispón de vehículos específicos en diferentes configuracións, adaptándose a cada necesidade medioambiental do cliente. Innovación e eficacia no transporte. Servizos de conselleiro de seguridade e operador de transportes.
- Agroamb - Tresima UTE: xestión e prestación de servizos medioambientais. Comercializa e coordina a prestación de servizos para a xestión ambiental integral dos distintos residuos (incluídos residuos perigosos). Desde a súa recente creación, xestiona máis de 50.000 tms/ano de residuos biodegradables.
- Grupo Onega Ares, SLU: servizos avanzados de tecnoloxía agraria. Empresa de servizos agrarios que conta cos últimos equipos en mecanización para a sementeira, cultivo e posterior recolección das
diferentes producións agrarias.
- Trobo Agrícola SCG: produción integrada da terra. Sociedade para a explotación en común da terra, orientada á produción integrada de forraxes e cultivos enerxéticos. Dispón dun banco de terras que supera as 3.000 hectáreas.

  Ademais, esta empresa ou grupo empresarial, está autorizada pola administración española como "planta técnica" para a elaboración de fertilizantes orgánicos a partir de residuos e produtos biodegradables, así como a autorización para a valorización e xestión dos residuos sólidos urbanos, de residuos industriais non perigosos, a rexeneración ambiental, o transporte de residuos perigosos, o transporte de residuos sólidos urbanos e de residuos industriais non perigosos.

  Xa vedes, non sempre vivir no rural significa dedicarse ás tradicionais actividades deste. Os residuos son un problema crecente nunha sociedade de consumo de masas como a nosa. Por iso, saber qué facer con eses residuos é moi importante de cara ao futuro. Agroamb logrou non só dar unha solución, senón que os transforma facendo deles un negocio innvoador e eficiente. Se queredes saber algo máis sobre a empresa Agroamb, fai click neste enlace, aquí poderás ver unha reportaxe sobre a compañía.

domingo, 11 de marzo de 2012

Unha nova forma de entender a Economía

  Durante o noso periplo académico, os estudantes de economía aprendemos nas Universidades de todo o mundo un sinfín de modelos e teorías nas que, lonxe de carecer de "elegancia académica", si que carecen fortemente de características e restricións que os achegan á realidade. 

  Así, o "homo oeconomicus" non ten en conta factores da realidade que inflúen fortemente sobre casos tan típicos de estudo en economía convencional como son o  consumo ou a produción. Por exemplo, non se teñen en conta os factores que inflúen sobre o consumo ou porqué un individuo toma unha decisión ou outra de consumo (estas decisións nunca son libres, senón que están fortemente influídas por factores como a publicidade). 
  A teoría económica convencional que se aprende nas facultades tan só se apoia nos individuos como base da sociedade, e no mercado, como coordinador dos individuos. Por iso, un número crecente de autores opinan que este enfoque está obsoleto e que, por iso, debemos tratar de dar un enfoque alternativo ao estudo da economía, co fin de achegarnos con maior facilidade á realidade que nos rodea, e, deste xeito, enfocarnos ao estudo do desenvolvemento-subdesenvolvemento económico, tratando de responder a estes problemas dun xeito máis realista e menos economicista, pois son ben coñecidos os fracasos deste tipo de respostas, xa que cada país ou rexión ten unhas características e problemáticas diferentes, polo que tamén se requiren respostas adaptadas e diferenciadas.
  Podemos ler neste interesante blog unha interesante reflexión sobre economía humanista. Cres que é posible cambiar as formas de ensinar economía, e pasar dunha economía convencional cara unha economía alternativa? Cres que o individuo é completamente libre?

viernes, 9 de marzo de 2012

8 de Marzo - Día da Muller Traballadora

  O día 8 de Marzo celébrase en todo o mundo o Día Internacional da Muller Traballadora. A orixe desta celebración atópase moi lonxe da nosa rexión, mais eiquí, en Galicia, as mulleres tamén xogan un papel moi importante a pesar de que aínda se dá un alto grao de invisibilidade destas, sobre todo no eido rural, aínda que tamén en todos os ámbitos económicos. 

  Na Terra Chá, unha comarca galega dedicada ao sector primario por excelencia, as desigualdades entre homes e mulleres son claramente visibles no entanto que son os homes, maioritariamente, os titulares e titulares xefes das explotacións, mentres que as mulleres xogan un papel de traballadoras mais sen remuneración clara e sen titularidade compartida desas explotacións.  Asombrosamente as estatísticas afirman que tan só un 5% das labregas en Galicia se xubilan coa pensión completa, o cal pon de manifesto as grandes desigualdades latentes no rural galego.
  Por iso, está en mans de todos e todas que se poña en práctica a titularidade compartida, co fin de que as mulleres rurais sexan visibles a toda a sociedade, así coma que poidan obter os seus propios ingresos polo seu traballo. 
 Tamén son as mulleres as que contribúen, e cada vez en maior medida, ao emprendemento con novas actividades, xerando así desenvolvemento. Porque o desenvolvemento do rural non só pasa por innovar ou intensificar as actividades agrarias, senón tamén por unha igualdade de sexos que en pleno século XXI xa debería estar asumida por todos e todas, e en tódolos ámbitos da sociedade. Ou non?

domingo, 4 de marzo de 2012

Agroamb (I), unha nova forma de entender a reciclaxe


    O Grupo Agroamb nace alá polo ano 2000 na parroquia da Ponte de Outeiro, no concello de Castro de Rei (Lugo). Foi concretamente no lugar d’O Carboeiro, onde naceu e segue a funcionar a empresa de prestación de servizos agrícolas Ónega Ares, a base sobre a que se expandiu posteriormente o grupo. A escasos quilómetros ubícase a planta de tratamento de residuos de Agroamb, que representa hoxe a principal liña de actividade da empresa: a fabricación de fertilizantes orgánicos a base de residuos.

   A planta técnica de Agroamb, situada no Monte das Furadas, empezou a construírse no ano 2000, obtendo a licenza da Consellería de Medio Ambiente no 2003. Foi a primeira autorización concedida en Galicia para o tratamento de residuos biodegradables. A planta ten unha capacidade de xestión de 100.000 toneladas ao ano, conta cun muíño eólico para autoabastecemento eléctrico, así coma o proxecto de instalación de paneis solares no teito e unha planta de biogás, nun compromiso claro polas enerxías renovables.
   Esta instalación ubícase sobre un terreo 150.000 metros cadrados, dos que 20.000 son superficie construída. No mesmo lugar ten a súa sede a flota de camións da empresa Tresamb, outra das que integran o Grupo Agroamb. Estes vehículos encárganse de transportar a materia prima para a fabricación de fertilizantes agrícolas: residuos e subprodutos biodegradables.

   Polo que respecta á empresa Ónega Ares, o xerme do grupo Agroamb, foi creada polo pai de Severiano e Álvaro Ónega, os actuais xerentes do grupo. Nos anos 50, esta empresa incorporou algúns dos primeiros modelos de tractor que traballaron na provincia de Lugo. Na actualidade, Ónega Ares S.L. segue a ocupar as mesmas naves d’O Carboeiro onde se creou, unha superficie de 1.200 metros. A empresa dispón dun parque de maquinaria integrado por  media ducia de tractores, tres colleitadoras de millo, varios camións agrícolas e todo o necesario para a preparación de solos para millo e herba. Estes aparellos permiten a práctica da chamada agricultura de precisión, coa incorporación de novidades tecnolóxicas coma o GPS, o que fai visible o importante papel das novas tecnoloxías na actividade.
   Dentro das instalacións de Ónega Ares S.L. atópase ademais o laboratorio de Agroamb, no que se analizan as terras e se fan todos os procesos de control de fertilización. Ademais, o compromiso co desenvolvemento local da empresa Agroamb reflíctese na xeración de máis de 30 postos de traballo directo, a maioría ocupados por traballadores locais.
  Se desexas coñecer algo mais desta empresa, podes visitar a páxina web de Agroamb.