jueves, 3 de mayo de 2012

A xestión dos residuos no rural

   Despois de ver na entrevista feita a Eloi Villada no marco da xestión de residuos agrogandeiros, nesta entrada trataremos de achegarnos un pouco máis a esta "materia prima" que a priori semella non poder destinarse a ningunha utilidade. Eloi falábanos do biogás, o que nos leva a preguntarnos se iso é realmente posible no rural; nunha comarca coma a Terra Chá, na que a produción agrogandeira é moi importante e cada vez máis intensificada, carécese de novas iniciativas que ofrezan unha saída a este problema. Aínda así, estánse a observar experiencias innovadoras que teñen moito futuro, como o proxecto de construción dunha planta de biogás no concello de Pol (Lugo), onde, a partir de residuos agrogandeiros procedentes de explotacións intensivas se tratará de producir enerxía. Nisto podemos enmarcar unha posible prohibición por parte da Unión Europea de que no rural os residuos sigan a recibir o tratamento que se segue ata o de agora, polo que é moi probable que os xurros deban someterse a tratamentos específicos para facelos menos contaminantes.

   Como vedes, a acumulación de residuos xa non só está centrada nas cidades, senón que, debido á intensificación da produción gandeira este problema tamén está a aparecer no rural. Credes que iniciativas coma a de Agroamb ou a desta planta de biogás son o futuro dos residuos rurais, ou, pola contra, opinas que os residuos agro-gandeiros seguirán sen recibir ningún tratamento? Cres que nas comarcas máis rurais de Galicia é posible concienciar da necesidade de non contaminar como se está facendo ata agora?

martes, 1 de mayo de 2012

"Coa xestión de residuos está aberto un importante campo de I+D+i que ningún país deberá esquecer"

   Seguindo co fío da xestión de residuos, tanto urbanos como agro-gandeiros, entrevistamos a Xosé María Eloi Villada Legaspi, quen nos dá a súa opinión acerca do futuro da transformación dos residuos sólidos.

   Eloi Villada nace en Aldurfe - Riotorto (Lugo) no ano 1951, no seo dunha familia labrega. Estudou Enxeñeiria Agricola na EUITA de Lugo. Rematou os seus estudos en 1973 e, logo de diversos traballos en empresas privadas, aprobou as oposicións de técnico da Agencia de Desarrollo Ganadero no ano 1978. En  1984 foi transferido para a Consellería de Agricultura da Xunta de Galicia, desenvolvendo dende aquela o seu labor en diferentes organismos da devandita Consellería. Traballou sempre en temas relacionados coa produción de pastos e forraxes e a alimentación de ruminantes. Ten publicados articulos longos sobre estes temas en diversos medios e realizado númerosas conferencias e presentacións sobre produción forraxeira e animal en xornadas e congresos, tanto en Galicia coma noutros paises. Tamén ten traballado no asesoramento e implantación de medidas agro-ambientais (Galicia e Turquía). Na actualidade traballa no FOGGA.

   Entrevista:
   P. Existe en Galicia un problema sério cos residuos agro-gandeiros?.
  R.  Poderiase dicir que o problema ainda non é grave se o comparamos co que ocurre noutras comunidades españolas, pero ten tendencia a aumentar, alomenos a nivel local, naquelas áreas nas que se están a dar procesos de intensificación tanto agrícola e gandeira. Pódese pór como exemplo o espectacular incremento da produción de millo nas bisbarras leiteiras das provincias de Lugo e A Coruña, o cal implica un uso moito maior de herbicidas e praguicidas. Os residuos dos praguicidas, teoricamente, degrádanse e metabolizanse en produtos inertes e non perigosos, pero iso non é certo de todo e, ademais, cómpre ter en conta que “todo vai parar a algunha parte”. Un feito que demostra esta afirmación é o feito de que cada certo tempo estanse a prohibir praguicidas con principios activos, usados durante décadas e que se demostra que son inaceptables para o medio natural, pola sua perigosidade. Estudos cientificos realizados na finca Veiga da Proba de Brollón, demostran que é posible producir millo sen herbicidas en Galicia. Tamén as granxas ecolóxicas de leite, que cultivan millo, para incrementar a cantidade de almidón na alimentación das súas vacas, fano ser recurrir a praguicidas. Está bastante claro que é posible producir alomenos unha parte dos alimentos sen agredir ao medio ambiente, á vez que se xeran menos residuos sólidos.

   P. A produción animal de carne e leite está a crear problemas de acumulación de estercos e xurros que suponen unha ameaza para o medio ambiente, ou non?
   R. A resposta simple é SI. Pero a realidade é moito mais complexa e por tanto o SI cómpre matizalo. Os estercos son un residuo, pero ao memo tempo son o adubo orgánico considerado de maior calidade e básico na produción ecolóxica, algo semellante acontece cos xurros. Os adubos orgánicos raras veces foron um problema ambiental, mais ben ao contrario a base da reciclaxe e da fertilidade ambientalmente menos agresiva. Non houbo problema mentres as explotacións foron de pequeno ou mediano traballo, os problemas aparecen cando as explotacións gandeiras incrementan o seu tamaño e mesmo se fan xigantes como acontece en USA e outros paises, explotacións que acumulan enormes cantidades de dexecións animais de moi dificil xestión. Nós ainda non chegamos a ese problema no vacún, pero na produción industrial de porcos e aves con gran acumulación de animais, os problemas comezan a ser serios e o xurro das granxas buscanse campos onde botalo e grandes grupos p.e. COREN e outros, encárganlle a empresas especializadas a xestión dos xurros buscando lugares onde depositalos. A mellor solución soe ser a de recuperar terreos de monte para pastos e/ou cultivos e nos mesmos distribuír estes adubos orgánicos líquidos. A aplicación aos terreos con baixo ou medio nivel de fertilidade, en xeral non crea problemas e supón unha oportunidade, polo aforro en fertilizantes minerais, para os novos produtores, principalmente, de vacas de carne e secundariamente de outro tipo de animais. Existen exemplos interesantes en Ourense e sur de Lugo, de explotacións de recente instalación, por emprendedores, en montes comunais dominados por vexetación arbustiva de toxal, xesteira ou uceira, que na actualidade son praderías de calidade. Outra alternativa é o tratamento destes zurros en plantas de reciclado  (Sarreaus), practicamente descartadas polo seu elevado custe de funcionamento. A pesar de que as miñas palabras poidan ser tranquilizadoras, hai sinais alarmantes com son as proliferacións de algas en encoros como o das “cunchas”( Ourense) ou o do rio Umia (Caldas de Reis).

   P. Que se sabe sobre a produción de biogás? É unha alternativa?
   R. O biogás estivo  de moda nos anos 70, especialmente en China, pero na actualidade estase a reconsiderar o seu potencial e de feito as grandes explotacións están investindo ou alomenos estudiando as súas posibilidades de cara ao futuro. Eu creo que nas granxas leite cun elevado número de cabezas, as plantas de biogás poden ser viables, ainda que precisarían incorporar outros produtos, como residuos de industrias agro-alimentares, ou millo etc. Tratariase de queimar metano, pero o residuo continuaría presente, ainda que libre de patóxenos, malos olores, etc. Tamén tería que incorporarse ao solo coma un adubo orgánico. O que considero pouco viable é instalalos para granxas pequenas que precisen empregar o transporte do xurro en cisternas ata a planta de biogás. Outro problema sería o produto que se envia á rede. Electricidade ou gas, para isto último que sería o mais conveniente é preciso un gasoducto cercano.

   P. Que opinión che merece a utilización na agricultura dos lodos de depuradora?
   R.Decía o meu admirado André Voisin, un veterinario francés especialista en pradeiras, que “a fertilidade de Sicilia se tirara polas alcantarillas de Roma”. Hoxe a fertilidade de Arxentina, Uruguay, Brasil, USA, Europa..etc estase a tirar mais ca nunca polas alcantarillas de todo o mundo e no futuro verterase a fertilidade da fráxil África e do resto do mundo tropical. Por tanto parece que a humanidade ten un serio problema cos residuos urbanos. Hai que depuralos e é imposible almacenalos, neles hai fertilizantes valiosos, enfrontámonos a unha urxente escaseza de fósforo; os fosfatos naturais están prácticamente esgotados a nivel mundial (só quedan en Marrocos) e son imprescindibles para o futuro da agricultura. Por tanto creo que os residuos urbanos non quedará outra alternativa que usalos. O problema é que conteñen unha grande cantidade de contaminantes, como son os metais pesados e produtos químicos perigosos. É preciso controlalo, e serao ainda mais no futuro establecer medidas moi estritas de aplicación. Coido que está aberto un importante campo de I+D+i pra o futuro que ningún pais deberá esquecer.

   P. Que aconsellarías ler sobre estes temas?
  R. Hai muitas lecturas posibles, a maioría son publicacións científicas que non se atopan a nivel de divulgación e eu case non sabería por onde empezar, pero hai dous libros baratos, que se poden atopar en calquera libraría e moi utiles para mostrarnos cal é a situación da agro-industria no mundo e son: “El mundo según Monsanto” de Marie-Monique Robin e “Fast Food” de Eric Schneider.
  
  No seguinte enlace, déixovos un interesante documental sobre o libro que nos recomentaba Villada, "El mundo según Monsanto". Documental "El mundo según Monsanto"