martes, 24 de abril de 2012

"Marcando" o territorio


Que é o marketing territorial? Podemos definir o concepto como un plan encamiñado a deseñar accións para a promoción económica dun territorio e que ten gran relevancia como parte da elaboración de estratexias de desenvolvemento local nun municipio ou comarca. O eixo central desta estratexia de desenvolvemento é o territorio, o cal será posto en valor mediante a súa promoción e protección.

Aínda que este concepto sexa aínda descoñecido, se nos fixamos si que podemos observar diferentes exemplos de marketing territorial, tanto na nosa rexión coma en diferentes países. Podedes observar no seguinte enlace algún exemplo, coma o de “Galicia. Gárdasme o segredo?” ou a máis coñecida "Marca Barcelona", as cales tratan de poñer en valor todo o potencial existente, coma a gastronomía, natureza, como cidades de negocios... 

Non obstante, quizais quede moito por facer a nivel local, posto que é difícil observar estratexias deste tipo en concellos ou localidades que contan cun reducido número de habitantes pero que contan, posiblemente, cun gran potencial turístico ou diferencial. Por exemplo, no caso que ocupa este blog, a Terra Chá podería, facilmente, ser un caso de marketing territorial. A posta en valor desta marca podería traer consigo unha revalorización do territorio que actualmente non existe, ademais dunha diversificación das súas actividades, entre as que se incluiría o turismo. 

miércoles, 18 de abril de 2012

O Plan Estratéxico de Galicia

   O Plan Estratéxico de Galicia é un documento no que se establecen diferentes obxectivos a lograr ao fin dun período determinado, neste caso, o ano 2014. Os fins a lograr sinalados no Plan Estratéxico de Galicia oscilan  dende cohesión social, benestar e calidade de vida ata o logro dunha administración eficiente e transparente. Se desexades consultar o plan completo, podedes facer click aquí




   Á hora de preguntarnos acerca dos nosos coñecementos sobre plans estratéxicos, xorde a idea que que estes deberían máis accesíbeis aos cidadáns e non ser vistos por estes coma unha serie de estratexias que poderán, ou non, ser logradas. Por outra banda, co fin de mellorar a transparencia das administracións públicas, cumpriría ofrecer á cidadanía algún tipo de informe dos resultados obtidos. Malia que na realidade a existencia de plans estratéxicos como unha forma de camiño a seguir polas políticas das diferentes áreas é necesaria e imprescindible, moitas veces preguntámonos se:
   Se logran os obxectivos propostos plan tras plan ou, pola contra, convértense en papel mollado?


   Existe algún mecanismo de supervisión acerca da consecución dos fins propostos?


   Que opinades? Credes que hai outras formas de informar aos cidadáns acerca dos obxectivos dos gobernos? Semella que hai "moita letra pero pouca realidade" nos diferentes plans estratéxicos?