domingo, 26 de febrero de 2012

Un novo fenómeno no rural: a suburbanización


Nas últimas catro décadas, estase a observar un fenómeno de desconcentración da poboación cara áreas rurais ou suburbanas, o que implica que se está a dar unha nova forma de asentamento e concentración da poboación, así coma un cambio na demanda de servizos cara estas áreas. Isto denominámolo como suburbanización, e defínese como un proceso de desconcentración da poboación lonxe dos asentamentos urbanos e dos centros das cidades. Normalmente, este fenómeno está asociado ao cambio da tradicional dirección da poboación do campo ás cidades co contrario: das cidades cara áreas rurais. Este, involucra non só crecemento de poboación cara núcleos non urbanos, senón que implica cambios que promoven a diversificación económica e social das comunidades rurais.
 

Pero, a suburbanización implica desenvolvemento do medio rural?
A relación entre suburbanización e desenvolvemento rural é directa. Significa urbanización do medio rural e novas formas de asentamentos. As familias urbanas que abandonan a cidade e se asentan no rural actúan como elementos de difusión de novos costumes e valores tradicionalmente característicos da vida urbana.
A suburbanización e as novas formas de desenvolvemento rural están a crear novos vínculos entre o campo e a cidade, en contra do tradicional binomio campo-cidade no que os seus elementos estaban opostos cultural, social e economicamente.
A suburbanización en Galicia non foi tan visible coma noutras partes de Europa. Non obstante, algunhas tendencias de desconcentración urbana foron observadas a partir dos anos 1970, mais hai que sinalar a coexistencia de dous procesos simultáneos: un de despoboación e outro de repoboación. Aínda así, actualmente este fenómeno está moi presente nos arredores das grandes cidades como A Coruña, Vigo ou Ferrol, facendo visible tamén a concentración da poboación galega no eixo atlántico.

miércoles, 15 de febrero de 2012

A rede, instrumento imprescindible


Dende fai algúns anos, internet converteuse nun elemento fundamental das nosas vidas. Empregamos esta ferramenta sobre todo para comunicarnos ou a procura rápida de información; cada vez máis, xoga un papel central nos ámbitos persoal e laboral, sendo tal a importancia da rede para o desenvolvemento actual que se chegou a acuñar o termo “sociedade da información”.
Un dos teóricos máis importantes neste ámbito é Manuel Castells, quen o define como unha forma específica de organización social na que a xeración, o procesamento e a transmisión de información se converten nas fontes fundamentais da produtividade e o poder, sendo as novas condicións tecnolóxicas que xorden neste período histórico elementos de decisión en tódalas formas de desenvolvemento
Para Castells, o que caracteriza a revolución tecnolóxica actual non é o carácter central do coñecemento e a información, senón a súa aplicación a aparatos de xeración de coñecemento e procesamento da información-comunicación. As novas tecnoloxías da información non son só ferramentas a aplicar, senón procesos que desenvolver.
Non obstante, en Galicia non sempre é posible disfrutar dunha boa conexión a internet, sobre todo se nos referimos ao ámbito rural. É certo que nos últimos anos se fixo fincapé na extensión da rede a todo o territorio, mais semella que eses esforzos non foron suficientes. Polo tanto, se queremos que a nosa sociedade se desenvolva no camiño correcto deberemos tratar de facer accesibles as novas tecnoloxías a tódalas persoas, independentemente do seu lugar de residencia. Isto debe ser así posto que é a rede a que acurta distancias e achega intereses entre os individuos que conforman esa “sociedade da información” da que tanto se fala, mais que non constitúe, aínda, unha realidade universal.


martes, 14 de febrero de 2012

Imos coñecer A Pastoriza...


A Pastoriza é un concello situado ao norte da provincia de Lugo, no corazón da Terra Chá, conformado por 19 parroquias e unha extensión total duns 175 km cadrados.
Contou no ano 2010 cuns 3400 habitantes (aproximadamente), dos cales o 35% teñen máis de 64 anos, o que revela o fenómeno do envellecemento da poboación.
A principal actividade económica desta localidade é o sector primario baseado no gando bovino, principalmente na producción láctea, pero tamén a producción de carne se atopa en crecemento nos últimos tempos. Para ilustrar isto con cifras, podemos dicir que no ano 2010, A Pastoriza tiña case 550 explotacións, con máis de 23.000 cabezas de gando.
Mais non só de terra podemos falar na Pastoriza. Neste concello, a pesar de diferentes opinións, dise que nun lugar fermoso, chamado ‘’Fontemiñá’’ nace o pai de tódolos ríos galegos, o Río Miño.

 Podemos descubrir este concello realizando rutas de sendeirismo e coñecendo as súas fermosas paisaxes; degustando os produtos propios nalgunhas festas gastronómicas, como a da "bola de liscos e freces" na Parroquia de Bretoña ou a Festa do Requeixo na Pastoriza; ademais, podemos pararnos a coñecer as súas xentes nas festas parroquiais que se celebran ao longo e ancho de todo o concello principalmente no verán.