martes, 24 de abril de 2012

"Marcando" o territorio


Que é o marketing territorial? Podemos definir o concepto como un plan encamiñado a deseñar accións para a promoción económica dun territorio e que ten gran relevancia como parte da elaboración de estratexias de desenvolvemento local nun municipio ou comarca. O eixo central desta estratexia de desenvolvemento é o territorio, o cal será posto en valor mediante a súa promoción e protección.

Aínda que este concepto sexa aínda descoñecido, se nos fixamos si que podemos observar diferentes exemplos de marketing territorial, tanto na nosa rexión coma en diferentes países. Podedes observar no seguinte enlace algún exemplo, coma o de “Galicia. Gárdasme o segredo?” ou a máis coñecida "Marca Barcelona", as cales tratan de poñer en valor todo o potencial existente, coma a gastronomía, natureza, como cidades de negocios... 

Non obstante, quizais quede moito por facer a nivel local, posto que é difícil observar estratexias deste tipo en concellos ou localidades que contan cun reducido número de habitantes pero que contan, posiblemente, cun gran potencial turístico ou diferencial. Por exemplo, no caso que ocupa este blog, a Terra Chá podería, facilmente, ser un caso de marketing territorial. A posta en valor desta marca podería traer consigo unha revalorización do territorio que actualmente non existe, ademais dunha diversificación das súas actividades, entre as que se incluiría o turismo. 

4 comentarios:

  1. Penso que este tipo de campañas publicitarias son moi positivas para un territorio, xa que como ti dis, axudan a crear unha imaxe do mesmo, ás veces idealizada, pero que a fin de contas é a mellor para tentar vender un destino turístico. No caso de Galicia, as sucesivas campañas que se viñeron facendo nos últimos anos foron sen dúbida un exemplo de como promocionar os aspectos máis positivos da terra. Agora, coma dis ti, estaría ben que tamén se fixesen campañas para promocionar zonas específicas, aínda que fose só a nivel de Galicia, en especial zonas que sexan pouco coñecidas e teñan moito potencial por desenvolver, coma a Terra Cha. Verías posible por exemplo un anuncio na TVG promocionando dita comarca? Ou se cadra sería mellor emprender outras iniciativas máis baratas?

    ResponderEliminar
  2. Pero o Marketing Territorial non é a xestión da publicidade e anuncios. É moito máis complexo.
    Cáles son os productos territoriais que poderiamos asociar á marca Terra Chá?
    Ollo, non confundas o M. Territorial co M. Turístico.
    Os clientes do territorio, son os propios cidadáns residentes, os vistantes, as empresas, o capital, a administración,...
    Bótalle unha ollada á web da tua comarca para observar se ten coherencia a imaxe de marca e si existe M. Territorial.

    ResponderEliminar
  3. Tras tratar de indagar sobre a existencia de Marketing TErritorial na Terra Chá, constatei que non existe unha marca que o diferencie. Si existe marketing turístico, pero, dende o meu punto de vista, levar a cabo unha estratexia de marketing territorial na comarca é difícil, pero, de poder lograrse, beneficiaría moito o lugar, debido á súa situación e ás boas comunicacións co resto de Galicia. Así, poñer en valor a súa situación xeográfica ou a natureza da que se pode disfrutar, lonxe do consumo de masas, sería un bo comezo para levar a cabo estratexias deste tipo. Indo un pouco máis lonxe, quizais estaría ben tratar de promocionar o territorio co fin de atraer empresas que dinamizasen o territorio, poñendo en valor os recursos naturais e paisaxísticos da comarca.

    ResponderEliminar
  4. As campañas publicitarias encamiñadas a revalorizar o territorio así como a dinamizar as actividades do mesmo preséntanse como unha gran oportunidade para o desenvolvemento dos nosos concellos. O marketing territorial dende logo constitúe unha boa oportunidade. O sentido de identidade e colectivismo dos habitantes resultan factores clave. Xa que é o benestar colectivo o que mellorará con estas iniciativas espero que consigas dinamizar estas medidas na Terra Cha e a Pastoriza.

    ResponderEliminar