domingo, 4 de marzo de 2012

Agroamb (I), unha nova forma de entender a reciclaxe


    O Grupo Agroamb nace alá polo ano 2000 na parroquia da Ponte de Outeiro, no concello de Castro de Rei (Lugo). Foi concretamente no lugar d’O Carboeiro, onde naceu e segue a funcionar a empresa de prestación de servizos agrícolas Ónega Ares, a base sobre a que se expandiu posteriormente o grupo. A escasos quilómetros ubícase a planta de tratamento de residuos de Agroamb, que representa hoxe a principal liña de actividade da empresa: a fabricación de fertilizantes orgánicos a base de residuos.

   A planta técnica de Agroamb, situada no Monte das Furadas, empezou a construírse no ano 2000, obtendo a licenza da Consellería de Medio Ambiente no 2003. Foi a primeira autorización concedida en Galicia para o tratamento de residuos biodegradables. A planta ten unha capacidade de xestión de 100.000 toneladas ao ano, conta cun muíño eólico para autoabastecemento eléctrico, así coma o proxecto de instalación de paneis solares no teito e unha planta de biogás, nun compromiso claro polas enerxías renovables.
   Esta instalación ubícase sobre un terreo 150.000 metros cadrados, dos que 20.000 son superficie construída. No mesmo lugar ten a súa sede a flota de camións da empresa Tresamb, outra das que integran o Grupo Agroamb. Estes vehículos encárganse de transportar a materia prima para a fabricación de fertilizantes agrícolas: residuos e subprodutos biodegradables.

   Polo que respecta á empresa Ónega Ares, o xerme do grupo Agroamb, foi creada polo pai de Severiano e Álvaro Ónega, os actuais xerentes do grupo. Nos anos 50, esta empresa incorporou algúns dos primeiros modelos de tractor que traballaron na provincia de Lugo. Na actualidade, Ónega Ares S.L. segue a ocupar as mesmas naves d’O Carboeiro onde se creou, unha superficie de 1.200 metros. A empresa dispón dun parque de maquinaria integrado por  media ducia de tractores, tres colleitadoras de millo, varios camións agrícolas e todo o necesario para a preparación de solos para millo e herba. Estes aparellos permiten a práctica da chamada agricultura de precisión, coa incorporación de novidades tecnolóxicas coma o GPS, o que fai visible o importante papel das novas tecnoloxías na actividade.
   Dentro das instalacións de Ónega Ares S.L. atópase ademais o laboratorio de Agroamb, no que se analizan as terras e se fan todos os procesos de control de fertilización. Ademais, o compromiso co desenvolvemento local da empresa Agroamb reflíctese na xeración de máis de 30 postos de traballo directo, a maioría ocupados por traballadores locais.
  Se desexas coñecer algo mais desta empresa, podes visitar a páxina web de Agroamb. 

2 comentarios:

  1. Moi interesante esta nova forma de dar saída a un problema que, aínda que non nos deamos conta, exite: a acumulación de residuos sólidos urbanos debido á masificación do consumo é un problema que pode traer graves consecuencias de acumulación se non se lle da unha saída. A iniciativa desta empresa, é, dende logo, innovadora e con moito futuro.

    ResponderEliminar
  2. Por suposto. En Galicia aínda non está vista a acumulación de residuos como un problema grave, debido á ampla absorción dos residuos orgánicos no medio rural en forma de abonos naturais, pero coa intensificación das explotacións no campo e o consumo de masas das cidades, é problable que deban xurdir máis iniciativas coma estas, que sexan capaces de transformar e almacenar os residuos en forma de abonos. Dende logo, unha forma de engadir valor aos refugallos.

    ResponderEliminar